O Día das Letras Galegas 2012 está dedicado a Valentín Paz Andrade, unha figura poliédrica á que nos intentamos achegar dende diferentes discursos nos actos programados dende Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona.

O día 10 de maio de 2012 tivo lugar o acto central coa conferencia do historiador Miguel Anxo Seixas, presentado por María Xesús Lama. Seixas na súa intervención, “Galicia labra a súa imaxe”, debullou a súa intensa vida política, empresarial e literaria. Ó remate da súa intervención o decano da Facultat de Filologia, Adolfo Sotelo, reflexionou sobre a traxectoria de Valentín Paz Andrade, ó que coñeceu persoalmente. Como colofón Andreu Vaquè, alumno de Estudis Gallecs i Portuguesos, Jeremy Buck Gili e Núria Vilella da Escola Oficial de Idiomas de Barcelona-Drassanes e Anxo Baranga leron poemas do homenaxeado.

   

Previamente, o luns, o Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, inauguraran a exposición bibliográfica, coordinada por Malores Villanueva, “Valentín Paz Andrade. Activismo e resistencia” que, nas vitrinas da Biblioteca de Lletres, mostra boa parte da produción escrita do homenaxeado e tamén unha pequena representación da prensa galega do século XX, en moita da cal Valentín Paz Andrade colaborou como xornalista. Ó mesmo tempo pódese facer unha achega á súa vida e á súa obra na Galería do Pati de Lletres onde, a través de dez paneis, se recollen os aspectos máis importantes da vida do político, do ensaísta, do empresario, do amigo, do poeta, do home Valentín Paz Andrade. Entre as persoas que visitaron as exposicións cómpre destacar a presenza do seu único fillo, Afonso Paz Andrade.

         

Deixa un comentari