Posts Tagged ‘María Xesús Lama’

Miguel-Anxo Murado na UB

Posted: 08/03/2013 by maloresvillanueva in Conferències
Etiquetes: , ,

murado murado2 murado3 murado4

O 26 de novembro de 2012 o escritor e xornalista Miguel-Anxo Murado (Lugo, 1965) impartiu  unha interesante conferencia na Facultat de Filologia de Barcelona baixo o título “O novo e o vello na literatura”.  O relatorio organizado por Estudis Gallecs i Portuguesos e coa colaboración do Deganat resultou moi interesante para o alumnado ó versar sobre a situación da literatura no momento actual, dos seus retos, dos seus problemas e das súas potencialidades.

Miguel-Anxo Murado é autor de obras de narrativa como Metamorfosis benezianas (1985), De soños e derribos (1986),  Ruído, relatos de guerra (1995), Mércores de cinza (1997), ou O soño da febre (2007) de teatro como Historias peregrinas (1995), de poesía como Lapidario (2000) e ensaio: Caderno de Xapón (2000), Otra idea de Galicia (2008).

Na conferencia houbo tamén momentos para falar da súa dilatada carreira xornalística, pois Murado colabora en diferentes medios como La Voz de Galicia, Cadena Ser BBC e The Guardian. Foi corresponsal de guerra nos Balcáns e en Xerusalén nos primeiros anos da Intifada. Tamén traballou en Oriente Medio para as Nacións Unidas e das súas experiencias e reflexións nacen os ensaios Fin de século en Palestina (2008) e La Segunda Intifada. Historia de la revuelta Palestina (2008).

Ó final do acto o Catedrático emérito Basilio Losada fixo unha pequena panorámica da obra literaria de Miguel-Anxo Murado, que loou pola súa calidade e polo tratamento de temas enriquecedores e pouco visitados.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA  OLYMPUS DIGITAL CAMERAOLYMPUS DIGITAL CAMERA  OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O día 29 de outubro de 2012 tivo lugar  o seminario “Novel·la criminal i gènere a Galícia”, coordinado por María Xesús Lama (Estudis Gallecs i Portuguesos) e Elena Losada (Centre Dona i Literatura). Na presentación deuse conta do convenio de colaboración entre a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e o Centre Dona i Literatura.
Este encontro tiña como obxectivo abrir unha reflexión sobre a novela criminal en Galicia desde unha perspectiva de xénero. A primeira sesión, sobre violencia, novela criminal e xénero, contou coas intervencións de María Xosé Agra (Universidade de Santiago de Compostela) e Shelley Godsland (University of Brimingham). Na segunda sesión a escritora Laura Caveiro e a  María Xesús Lama falaron sobre novela criminal en Galicia.

 

O Día das Letras Galegas 2012 está dedicado a Valentín Paz Andrade, unha figura poliédrica á que nos intentamos achegar dende diferentes discursos nos actos programados dende Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona.

O día 10 de maio de 2012 tivo lugar o acto central coa conferencia do historiador Miguel Anxo Seixas, presentado por María Xesús Lama. Seixas na súa intervención, “Galicia labra a súa imaxe”, debullou a súa intensa vida política, empresarial e literaria. Ó remate da súa intervención o decano da Facultat de Filologia, Adolfo Sotelo, reflexionou sobre a traxectoria de Valentín Paz Andrade, ó que coñeceu persoalmente. Como colofón Andreu Vaquè, alumno de Estudis Gallecs i Portuguesos, Jeremy Buck Gili e Núria Vilella da Escola Oficial de Idiomas de Barcelona-Drassanes e Anxo Baranga leron poemas do homenaxeado.

   

Previamente, o luns, o Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, inauguraran a exposición bibliográfica, coordinada por Malores Villanueva, “Valentín Paz Andrade. Activismo e resistencia” que, nas vitrinas da Biblioteca de Lletres, mostra boa parte da produción escrita do homenaxeado e tamén unha pequena representación da prensa galega do século XX, en moita da cal Valentín Paz Andrade colaborou como xornalista. Ó mesmo tempo pódese facer unha achega á súa vida e á súa obra na Galería do Pati de Lletres onde, a través de dez paneis, se recollen os aspectos máis importantes da vida do político, do ensaísta, do empresario, do amigo, do poeta, do home Valentín Paz Andrade. Entre as persoas que visitaron as exposicións cómpre destacar a presenza do seu único fillo, Afonso Paz Andrade.

         

       

O xoves 1 de decembro de 2011 Estudis Gallecs i Portuguesos e o Decanato da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona organizou un seminario sobre a presenza do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro en Cataluña.

Na xornada participaron Adolfo Sotelo e Blanca Ripoll (Universitat de Barcelona), o crítico literario e escritor Julià Guillamon, Víctor Martínez-Gil (Universitat Autònoma de Barcelona) e María Liñeira (University of  Oxford) . Os relatorios mostraron a relación de amizade e os vínculos literarios de Cunqueiro con persoeiros do campo literario catalán como Néstor Luján, Joan Perucho, Guillermo Díaz-Plaja, Josep Pla ou Joan Teixidor. Unha das achegas máis interesantes é o proxecto Enllaç entre literatures no que se poden consultar as cartas inéditas enviadas por Cunqueiro e Aquilino Iglesia Alvariño a Tomàs Garcés http://garcesentreliteratures.cat/es/la-nova-galicia-del-segle-xx

Ante un numeroso público púxose en valor a obra literaria de Cunqueiro, pero tamén outras facetas complementarias como a de xornalista, gastrónomo ou colaborador da revista Destino.

Durante tres semanas púidose visitar na mesma facultade unha exposición bibliográfica que recolle boa parte da produción do mindoniense e ver a exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro que nas mesmas datas se podía visitar na Fundación Penzol de Vigo.

 

O venres 18 de novembro celebrouse o seminario Rosalía de Castro. Unha musa fecunda, organizado pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, o Centre Dona i Literatura e Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona e coordinado por Helena González, María Xesús Lama e María do Cebreiro Rábade.

A xornada contou coa presenza de investigadoras galegas, catalás e británicas como Margarita García Candeira (Universidad de Huelva), María do Cebreiro Rábade (Universidade de Santiago de Compostela), Dolores Vilavedra (Universidade de Santiago de Compostela), Helena Miguélez-Carballeira (University of  Bangor), Joana Masó (Universitat de Barcelona) ou Isabel Clúa (Universitat de Barcelona).

As sesións matinais estiveron dedicadas ao estudo da obra narrativa da autora galega e á análise da conciencia de escrita de Rosalía de Castro a partir das novas lecturas dende xénero.

Pola tarde a gran protagonista foi Catherine Davies (The Nottingham University), que en 1987 publicou Rosalía de Castro no seu tempo, editado pola editorial Galaxia. Este ensaio erixiuna nunha figura fundamental nos estudos rosaliáns, despois de obter unha gran recepción entre a crítica.

A autora someteuse, primeiramente, a unha rolda de preguntas que lle trasladaron María Xesús Lama e Dolores Vilavedra. A conversa distendida serviu para que relatase como foi a xestación deste ensaio, as trabas que atopou na procura de material, como chegou a Rosalía despois duns anos vivindo en Vigo, como aprendeu a lingua de Follas Novas co Gallego 1 e como, dende o Reino Unido, lle enviou o texto definitivo a Ramón Piñeiro que llo devolveu tempo despois en forma de libro.

O seminario concluíu coa conferencia “Rosalía de Castro no contexto do século XIX en España e Hispanoamérica”, impartida por Catherine Davies, e presentada por Marta Segarra (Universitat de Barcelona). Ante unha sala chea debuxou o panorama político, social, literario e económico no que escribía a autora de Cantares Gallegos. Recoñeceu, finalmente, que, vinte e cinco anos despois de ter escrito Rosalía de Castro no seu tempo, rectificaría algunhas ideas e ofrecería unha lectura anovadora nalgúns aspectos.