O xoves 1 de decembro de 2011 Estudis Gallecs i Portuguesos e o Decanato da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona organizou un seminario sobre a presenza do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro en Cataluña.

Na xornada participaron Adolfo Sotelo e Blanca Ripoll (Universitat de Barcelona), o crítico literario e escritor Julià Guillamon, Víctor Martínez-Gil (Universitat Autònoma de Barcelona) e María Liñeira (University of  Oxford) . Os relatorios mostraron a relación de amizade e os vínculos literarios de Cunqueiro con persoeiros do campo literario catalán como Néstor Luján, Joan Perucho, Guillermo Díaz-Plaja, Josep Pla ou Joan Teixidor. Unha das achegas máis interesantes é o proxecto Enllaç entre literatures no que se poden consultar as cartas inéditas enviadas por Cunqueiro e Aquilino Iglesia Alvariño a Tomàs Garcés http://garcesentreliteratures.cat/es/la-nova-galicia-del-segle-xx

Ante un numeroso público púxose en valor a obra literaria de Cunqueiro, pero tamén outras facetas complementarias como a de xornalista, gastrónomo ou colaborador da revista Destino.

Durante tres semanas púidose visitar na mesma facultade unha exposición bibliográfica que recolle boa parte da produción do mindoniense e ver a exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro que nas mesmas datas se podía visitar na Fundación Penzol de Vigo.

Deixa un comentari